A historia de Queixo Dajosefa é unha historia de tradición, paixón e entrega que se remonta aos humildes inicios na cociña dunha muller extraordinaria, Josefa. Con minuciosa atención e coidado, Josefa elaborou o queixo, sentando as bases do que hoxe coñecemos como Queixo Dajosefa.
Na súa procura de sabores auténticos e técnicas ancestrais cruzouse no camiño de Josefa Jose Miguel, un apaixonado empresario. Xuntos, coa axuda mutua e un profundo respecto pola artesanía, a sustentabilidade e o medio natural, deron vida á actual queixería, na que cada día se elabora o noso queixo, mantendo intacto o proceso de elaboración co mesmo coidado que no seu modesto inicio. .
Con só tres ingredientes: leite cru, sal e callo, elabórase dúas veces ao día, despois de cada muxido, de xeito totalmente manual, para que o leite conserve todas as súas propiedades e bacterioloxía. É un queixo sen fermentos engadidos, deste xeito logramos a “fermentación espontánea” grazas ás bacterias presentes de xeito natural nas nosas vacas e no noso medio.
Tras unha maduración aproximada de 20 días, o queixo presenta unha casca de aspecto esbrancuxado debido ás levaduras, bacterias e mofos presentes de forma natural. De aspecto case líquido ou máis cremoso por dentro, segundo a época do ano, ten un sabor lixeiramente ácido e untuoso, de manteiga fresca, froitos secos e herba.
Contacta connosco